martes, 3 de mayo de 2011

VIII Premio Aresa ao desenvolvemento rural

A entrega da edición do ano 2008 do premio Aresa, que recaeu na queixería Casa Macán, tivo lugar na cidade de Lugo, e estivo presidida polo conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro e mais Álvaro Rodríguez Eiras, o presidente da empresa Aresa Agrícola, que patrocina e lles dá nome a estes galardóns.

Varela destacou que Galicia segue a ser un territorio no que o rural e as actividades agrarias e gandeiras teñen aínda un peso económico e social importante, e puxo coma exemplo a produción de leite, que con máis de 14.000 explotacións, "aínda actúa como produción dinamizadora, económica e socialmente, de moitas zonas de Galicia".

O conselleiro de Traballo felicitou especialmente o premiado, Eladio Rigueira Sobrado, propietario da queixería Casa Macán, pola súa aposta persoal pola "iniciativa, investimento, modernización, diversificación, calidade e innovación".

O mozo empresario taboadés Eladio Rigueira Sobrado defendeu, tras recoller a placa acreditativa do VIII Premio Aresa, que “o medio rural ofrece moitas posibilidades e temos a obriga de aproveitalas”.

Con esta distinción que se concede hoxe cúmprese o obxectivo do Premio Aresa de recoñecer e incentivar a investigación e o desenvolvemento, así como aquelas traxectorias persoais, empresariais ou institucionais innovadoras como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida, o benestar das persoas que traballan no medio rural galego e o desenvolvemento da economía rural galega.

No hay comentarios:

Publicar un comentario